Peidos na literatura

Na literatura actual xa quedan poucos temas tabús respecto ao corpo humano. A sexualidade aparece amplamente tratada na literatura erótica e pornográfica. A violencia ten tamén o seu oco, e na literatura gore (en inglés ‘sangue espeso’) caben as mutilacións, as evisceracións, o asañamento litros de sangue. Non obstante, segue a ser tabú falar dos temas escatolóxicos: caca, peido, pis. Cus.

Existe literatura gastronómica, mais non se fala das dixestións. Existe literatura médica, mais non se fala de fístulas e hemorroides. E todo iso a pesar do que dicía Bukowski (Servizo de Correos, 1970): “Que teñen de malo os anos, rula? Ti tes un, eu teño un! Todo o planeta está ateigado de anos! O presidente ten ano, o lavacoches ten ano, o xuíz ten ano e o asasino ten ano!” Pois ben, neste artigo heime centrar na presenza dos peidos na literatura.

Tradicionalmente os peidos foron considerados divertidos en numerosas culturas. O refraneiro galego cóntanos que mexar sen cagar un peido é como gaita sen tamborileiro. O cancioneiro, pola súa banda, esaxera as consecuencias do peido da vella: Unha vella e máis ben vella / vella da cabeza branca, / cagou un peido na cama / e fixo levanta-la manta. // Unha vella nun curral / dun peido matou un polo, / se non lle acoden a tempo / mata galiñas e todo. E non esquezamos que no conxuro da Queimada se fai referencia aos peidos dos infernais cus.

Os primeiros referentes literarios aparecen na Antiga Grecia hai 2500 anos da man de Aristófanes, que inclúe varios chistes de peidos nas súas comedias Os cabaleiros (na cal critica ao escritor Cleón) e As nubes (unha sátira contra os novos filósofos, coma Sócrates). Tamén Séneca na súa obra Apocolocyntosis divi Claudii, onde ridiculiza o emperador romano Claudio, fai varios destes chistes.

Nos contos das Mil e unha noites aparece o relato “O peido histórico”, que fala dun home que se ve obrigado a abandonar o seu país despois da vergoña de botar un peido na súa voda, mais ao cabo de dez anos regresa e decátase de que o seu peido acadou tanta sona que a xente lembra o día do ano en que tivo lugar. Asombrado, exclama “O meu peido é unha efeméride! Serei recordado por sempre!”

Na idade media temos as cantigas de escarnio e maldizer. O trobador portugués do século XIII Fernán García Esgaravunha fala das bondades do peido na cantiga “Nenguén-min, que vistes mal doente” (BN 1510). Porén, Dante na Divina comedia fala do peido como un uso demoníaco nos in­fernos: «serviuse do seu traseiro a guisa de trompeta». Nos Contos de Canterbury de Geoffrey Chaucer aparece o “Conto do muiñeiro”, onde se fala dun peido cun ruído tan grande coma un trono.

Gargantúa e Pantagruel son dúas novelas de François Rabelais nas que se fala dos excesos gastronómicos, e obviamente hai tamén excesos dixestivos, que provocan un peido “que fixo tremer a terra en vinte e nove millas á redonda”. Tamén teñen cabida os peidos nos Ensaios de Montaigne, que no capítulo “A forza da imaxinación” fala dos «recipientes para descargar o ventre». Shakespeare incluíu nas súas obras diversos chistes de peidos, como nun diálogo entre un pallaso e un músico en Otelo. Tamén Cervantes no Quixote incluíu peidos, como non podía ser doutro modo da man de Sancho.

Comeza nesta época unha serie de obras adicadas non a rir dos peidos, senón a louvalos. Quevedo escribiu Gracias y desgracias del ojo del culo, onde defende que «se ha de advertir que el pedo antes hace al trasero digno de laudatoria que indigno de ella». Escribiu tamén un “Poema al Pedo”, onde os describe de forma detallada. Xa no século XVIII Benjamin Franklin escribiu Pee orgullosamente, onde relaciona os compoñentes da comida coa influencia no cheiro dos peidos. Pouco antes o francés Pierre-Thomas-Nicolas Hurtaur escribira o ensaio A arte de peidear, do cal é este extracto: “É no mundo social onde o peido pode ter os seus mellores desenvolvementos, xa sexa para iniciar unha conversa, para facer calar un contertulio fatigoso ou como saída triunfal nunha disputa dialéctica. Cómpre ser claro: o peido é un acto de afirmación existencial só ao alcance daqueles que conquistaron a súa liberdade máis alá dos seus prexuízos sociais”. O Marqués de Sade fala tamén do tema na obra A filosofía no tocador.

Nos séculos XIX e XX os peidos aparecen na literatura da man de autores como Esteban Echeverría (El matadero), Juan Valera, Émile Zola, Apollinaire, Joyce (Leopold Bloom bota peidos no capítulo das sereas en Ulises), Samuel Beckett (en Molloy discútese a antropoloxía do peido), Julio Cortázar, Cabrera Infante, Milan Kundera ou Eduardo Mendoza.

Na literatura galega contemporánea aparecen en diversas ocasións. Xesús Rábade di na novela A palabra secreta que un dos personaxes “era incapaz de tolerar un peido, ou de oír como ruxían as súas tripas, ou de ulir aquel tufo habitual que desprendía en salvaparte”. Tamén aparece na obra teatral de Roberto Vidal Bolaño Bailadela da morte ditosa e na comedia de Suso de Toro Unha rosa é unha rosa. Na novela A da alba sería o cotobadés Lalo Vázquez Xil fala dun peido ante un xurado que é acollida con urros, aplausos e vivas. Tamén Ramón Loureiro (O corazón portugués).

Adrián Estévez Iglesias

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s