Galicia Bilingüe e a Real Academia Galega acordan engadir a letra “j” ao abecedario galego

 

Nos últimos meses, Gloria Lago reuniuse con representantes da RAG e concluíron, segundo GB (Galicia Bilingüe), que é o mellor para a supervivencia do idioma galego e para a súa convivencia co castelán.

“Levo pedindo isto anos!” Manifestaba entusiasmada Gloria Lago. Pode que esta emotiva declaración non sexa representativa do sentir galego, pero amosa unha clara preocupación social no referente a expresar gh na gheada no canto da iota, porque –non o esquezamos– a letra hache é muda. Deste xeito a iota castelá poderá axudar na expresión máis característica da costa galega.

A problemática ao pronunciar a letra gh como a iota é unha das maiores preocupacións na contorna escolar, logo de que os medios de comunicación máis mediáticos esquecesen falar dos problemas reais e tamén de practicar o xornalismo. Os nenos e nenas non saben falar na lingua do país e, segundo o informe PISA, Galicia puido acadar cincuenta puntos máis na proba de aclarar estas cuestións ás súas pequenas e pequenos, pois enriquecería a adquisición de fonemas.

O grupo abertzale e impulsor de Resistencia Galega coñecido co nome de Poetarras amosouse estrañado pola decisión. Afirman que terán que modificar a súa canción “Hasta la diglosia siempre”, dedicada á comandante Gloria Lago. Segundo declaracións a este medio: “isto acabará coa muiñeira para dar paso á jota aragonesa”. Aseguran que é o baile predilecto da presidente de GB.

Nos próximos días convocarase unha rolda de prensa para aclarar tódolos prolegómenos desta estraña decisión. Tamén se publicará un estudo divulgativo en Através Editora.

De momento, Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo non fixeron declaracións. Tampouco o mundo literario e político.

Será, esta nova, unha nova estrataxema de marketing de Galicia Bilingüe? Conseguirá rematar coa polémica do Decreto Feijoo? O futuro traerá as respostas.

*Agora que xa non estamos no día dos inocentes debemos confesar que esta entrada é unha broma. Non é real. Menos mal!

 

 

 

 

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s