Oposicións

  • Almorzo

Gústanme as galletas. Fervo a leite e mólloas para levalas á boca. Cada mañá imaxínome nun anaco perdido no líquido. Imaxínome flotando, como nunha embarcación. Semella sinxela esa vida, mais a galleta remata sempre afundíndose no leite ou no vertedoiro.

Aproveito eses pequenos momentos para viaxar. Só eses, porque é imposible estudar nun estado de evasión.

Ao rematar o almorzo, sinto os pés mollados. No chan hai galletas.

Limpeime sen reparar nesa anomalía. Xa saben, as présas.

  • Cara a biblioteca

Non sei se se pode vivir tendo un cabelo tan recto. Sen proporcionarlle liberdade á cabeza a mente vólvese escrava. Por iso desconfiaba, por nada máis.

Ela camiñaba dun xeito ordenado: primeiro un pé e logo outro. Non lle fixo falla ler as instrucións para subir as escaleiras que escribiu Julio Cortázar –poden ser aplicadas para os paseos–. Non. Ela anda así dende que aprendeu, ou polo menos dende que vou detrás dela, que xa pasaron cinco minutos.

Nun principio pensei que tería un destino fixo, que a súa axenda estaba perfectamente aseada. Ela andaba veloz e non lle daría seguido o paso de non ser polos semáforos, os pasos de peóns, a súa boa educación, etc. Ela cumpría sempre a norma e eu cando o considero oportuno. Deste xeito camiñabamos: eu pensando no cabelo, ela coas súas historias e sen ensinarme a face. Nunca a vin de fronte.

Atópome cuns amigos e déixoa ir. Quedara con eles para ir á biblioteca. Foxe coas súas présas, coa súa orde, coa súa racionalidade, co seu cabelo, coa súa vida. Que rápida é a vida.

Nunca souben que ía a un perruqueiro. Chegaba tarde.

  • Vendo estudar a un semellante

A súa rutina ía ligada ao estudo. Aos cóbados, que din os vellos. Tódolos días se erguía pensando nunha determinada lei ou nun concepto teórico motivado pola posibilidade de adquirir unha praza de funcionario, mais o seu soño tornaba en pesadelo. Tódolos días se levantaba do berce para estudar, e a rutina, a incerteza e a repetición amagaban con posuílo.

A resposta veu dun corpo que non quería ese presente. Así, os seus cóbados infláronse coma globos. E si, continuou acudindo cada xornada á cita co estudo, aínda sen poder apoiarse. Se virades o estraño que nos parecía a todos.

O seguinte en inflarse foi o glúteo dereito. Despois os dedos que suxeitan os bolígrafos. Aturou moito esa difícil vida porque se decataba de que hai moitas persoas que non gozan das súas oportunidades, que o pasan moito peor.

Certamente foi un consolo parcial, porque o mozo desistiu. Xa non podía máis. Estaba tan inflado que fuxiu voando. O seu corpo tomou as rendas da vida. Confeso que sentín envexa dese rapaz.

Por certo, non podo dicir onde aterrará. Iso queda no futuro.

  • Rematando

É noite e xa non hai ninguén estudando. Retírome.

A ida e volta da biblioteca é unha licenza para inventar ficción. Crúzome con persoas que non sospeitan que son vítimas dalgunha inspiración –innecesaria na labor memorística–.

Miro as estrelas e penso nas civilizacións que xogan as agachadas con nós. Haberá funcionarios noutras organizacións planetarias? Bibliotecas e oposicións? Comerán galletas os marcianos?

Gústame cuestionarme cousas que non sei resolver. Tan só para incentivarme, para evadirme.

Nun banco un señor está escribindo. Mira para min. Asústame.

  • Casa

Relaxarse é complicado. A oposición é unha odisea, un longo camiño, unha pequena vida.

Ás veces sinto que é unha proba de resistencia, unha maratón. Non creo que as persoas mellor preparadas para a docencia saian dunha proba teórica que non valora máis aspectos que os técnicos, mais ese é outro tema.

Mañá espérame un día semellante. Pasado o mesmo. Noto aire nos cóbados. Preparo un vaso de leite e os meus pés móllanse de soños.

Non son quen de ler libros porque estou extasiado de apuntamentos. Vexo un pouco a televisión esperando o sono. Esperando que en Ítaca non me dean un billete que diga: volve a intentalo, volve a opositar.

Xosé Carlos Carracedo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s