Facal

Era famoso pola súa presenza diaria na rúa. A xente o definía como unha persoa carismática, gran orador en pequenas distancias e tamén divulgador dos seus ideas. Para o planeta Terra, Facal era un ser humano máis. Para nós era unha persoa que formaba parte das nosas vidas de xeito ben diverso.

Recoñezo que aquela tarde vímolo observador, taciturno… Contemplaba a súa vila cunha gabardina negra e boina da mesma cor. Falamos del.

  • Estanos mirando -dixen.
  • Sempre está cos ollos postos nalgún lugar.

Co coche aparcado mantiñamos contacto visual con Facal. Tempo había que non nos xuntabamos tantos para ir de excursión. Resultaba agradable. Algunhas das miñas compañeiras de viaxe mercaban pipas, gomas de mascar e máis larpeiradas. Falabamos de conversar con el, de establecer unha relación. Dicíanme que sabía moito de política e do universo. Que vivira moito, supoño.

Cando os asentos do vehículo foron ocupados emprendemos a marcha. Dirixiámonos a un piñeiro que conquistaba a parroquia de Camanzo. Dende as Cruces ata alí a calzada contén sucesivas curvas semellantes aos camiños de vida, cheos de mudanzas, variacións e realidades diversas.

Ao chegar, estacionamos ao carón dun prado que tiña por hóspedes a unhas fermosas ovellas. Alí había un vieiro que facilitaba o acceso ao piñeiro. Intentamos chegar, mais non o logramos por mor da afluencia de toxos. O sol amosaba moita luz e o reloxo dicíanos que aínda era cedo. Os ollos das ovellas intentaban mirarnos e anoxarse sen éxito, salvo unha. Parecía a única coa capacidade de rebeldía e é estraño, xa que as ovellas son moi mansas.

Fomos á Madanela, un outeiro máis próximo ás Cruces que Camanzo. Nesa travesía había penedos que dificultaban viaxar velozmente, custounos alcanzar o teito do concello; o Pico Sacro, o río Ulla, Arzúa, Melide… Visualizábase un gran pequeno anaco do mundo. Lembrei no alto do cume ao carismático home co que intercambiara a mirada nas Cruces. Decateime de que o seu ollar era semellante ao de aquela ovella disidente. O certo é que os seres humanos tamén son moi mansos. Pensei en Facal, si. Resolvería o quebracabezas da condición humana? Precisaría a cima dun outeiro para ver as estrelas? Rebozaríase no barro para entender a política?

Na Madanela sacamos fotos, falamos, comemos as larpeiradas que mercaramos antes e tamén fixemos pompas de xabón. Supuxen que Facal se sentiría entusiasmado ao ver esas esferas divagadoras, ou igual non. Como xa dixen, apenas o coñecía. Por que me abraiaría tanto esa mirada disidente?

Nos outeiros, o vento musita con forza co seu son característico. Hai quen di que se trata da respiración de Deus. Algúns din moitas parvadas, penso eu. O certo é que o aire, ou Deus, botounos da Madanela. O frío manifestábase. Tamén a noite, que comezaba a esbozarse no ceo.

Volver ás Cruces foi como ir. As mesmas curvas e os mesmos penedos. Había menos luz, pero aínda nos permitía observar a contorna. O primeiro que vimos ao chegar foi unha ambulancia, despois chegou a nova. Que espiral forma a vida e con que enorme gran gama de emocións nos agasalla.

  • Que pasou? -Preguntamos.
  • Faleceu Facal…

Con sesenta e nove anos deixou de observar. Era un home popular entre a veciñanza e todos falaban del. Non sei precisar cal foi a emoción dominante, mesturábase a incredulidade coa angustia e co frío.

  • Estaba na rúa, díxome que non durmiu moi ben á noite e marchou á súa casa. Sentíase mal -asegurou un.
  • Vino pola mañá. Paseaba e parecía estar ben -comentaba unha señora.

Como en toda traxedia, moita xente degustaba o suceso. O compañeiro de todos marchara a non se sabe onde. A el gustáballe o universo e non creo que confiara no ceo da relixión. Non sei se abrazaría esa lei de Lavoisier que di que a materia nin se crea nin se destrúe, que tan só se transforma. Non sei como decidiu vivir a morte, no caso de poder vivila… Nos meus miolos queda a súa imaxe de gran observador e sinto que todos botan en falta eses ollos disidentes. Esa mirada que, debaixo da boina, interpretaba os diversos quebracabezas universais.

Xosé Carlos Carracedo Porto

*Fotografía Yasmina Casal

Advertisement

3 comentarios en “Facal

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s