Escritura e hostalaría. Relación bilateral

No mes de abril asistín en Vigo á presentación do libro Tempos de bebidas isotónicas e fast-food de Álex Alonso. A presentación tivo lugar no Café Badía do barrio de Teis, rexentado polo tamén escritor Marcos Calveiro. Calveiro explicou que Alonso fora camareiro no pub vigués Dublín, e dixo que a visión que se ten do mundo desde tras da barra se reflectía nos múltiples narradores da obra.

Despois da presentación fun cara ao centro de Vigo, e ceei no Gálgala, onde traballa Iolanda Zúñiga. A gañadora do Premio Xerais serve pratos nun restaurante vexetariano que organiza certames de microrrelatos, nos que a clientela é o xurado. Mentres agardas a que che sirvan a comida, les tres relatos e escolles o que máis che presta. E falando de bares literarios, cómpre mencionar o 13, no barrio compostelán de Santa Clara. Na súa colección O Lapis do Taberneiro editaron autores como Carlos Negro, Mingolo Alborés, Raquel Miragaia, Carlos Meixide, Marga Alborés ou Séchu Sende.

En xullo de 2004, logo doutro ano sen proveito académico na Universidade compostelá, comecei a traballar como repartidor de pizzas en Pontevedra. Alí coñecín a Isaac Xubín, que por entón remataba os seus estudos na Universidade de Vigo. Lembro cando me deu un seu poemario inédito, impreso en A4, e o pousei entre latas de refrescos para lle botar un ollo logo de levar unhas pizzas. Tempo despois, Isaac marchou vivir a Bilbao e percorreu as rúas da cidade en ciclomotor, que os biscaíños tamén comen pizzas quentes nas súas casiñas. Despois marchou a Irlanda, de onde é o escritor de novela policiaca John Connolly, quen tamén currou de camareiro.

Sartre fala da función social da literatura co obxecto de espir os presupostos universalistas da burguesía. Tradicionalmente o intelectual clásico estaba no punto medio entre o saber universal ao que tiña acceso e a súa condición social, que polo xeral viña ligada á burguesía. Pero ao longo do século XX veu existindo un bo número de autores que nos seus comezos tiveron traballos máis ou menos precarios, o cal se viu reflectido na súa obra.

No sistema literario galego actual non é fácil vivir da escritura. Nas décadas de 1980 e 1990, coa difusión da literatura infantil e xuvenil en galego, creouse o mito do escritor-docente, da man de autores como Agustín Fernández-Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín, Xabier P. DoCampo ou María Victoria Moreno. Tamén existe a figura do escritor-xornalista, xa sexa como dedicación profesional a tempo completo, ou combinando a publicación de obras literarias coa colaboración en prensa como columnis­tas-factótum. Pero moitas outras escritoras e escritores teñen que currar no que poden, claro.

Un caso coñecido de relación entre a escrita e a hostalaría foi o de Avilés de Taramancos, que logo de diversos traballos en Colombia regresou a Noia e montou a Tasca Típica, onde organizou recitais poéticos e que serviu como sede da Sociedade Cultural Catavento. Outro que tamén traballou de camareiro nun bar familiar foi Suso de Toro. O seu irmán Xelís puxo de camareiros a dous dos protagonistas da súa novela Non hai misericordia (1990).

Florencio Rodríguez Figueiras, fillo de galega da Ponte do Porto (Camariñas), traballa como camareiro en Estremadura e escribiu a obra Na beira do mar, amais doutras obras en castelán e castuo. Antonio Novo Salgado, natural do concello de Teo, traballou como camareiro en Ribeira. En 1995 pu­blicou A barra por dentro: manual completo do barman. Amais, é autor de dous libros sobre coctelaría.

O madrileño José Bárcena comezou a traballar no Café Gijón de Madrid en 1974, e axiña empe­zou a tomar notas de anécdotas sobre a clientela. Mai un incendio na súa casa acabou con boa parte do manuscrito. En 1997 publicou a novela El arañazo, e no ano 2004 publicou o libro Aquellos bohemios del Café Gijón, froito de varias conferencias impartidas sobre o tema co gallo do centenario do bar.

Fante e Bukowski, dos que falaba o outro día en Cicloxénese expresiva, tamén deixaron mostra nas súas obras das súas experiencias laborais. O primeiro como lavapratos e como operario nunha conserveira, e o segundo en múltiples e diversos traballos, destacando ao respecto os libros Factótum e Carteiro. Mais se acaso, un dos pioneiros en escribir de primeira man sobre a hostalaría foi Iván Smeliev, que en 1911 publicou Memorias dun camareiro (Čelovek iz restorana, “O home do restaurante”).

Non podo rematar este artigo sen un recordo ao meu pai. Ico Estévez montou o pub Canis Lupus de Cangas, onde por certo discorre parte da trama da novela Blúmsdei de Cid Cabido. No seu tempo libre, nas longas noites dos martes de inverno, Ico escribiu El camarero y el cliente, un compendio de anécdotas que me serviu de achegamento teórico ao mundo da hostalaría.

Queda pendente para outro artigo falar da visión inversa: analizar as obras literarias cuxa trama ten lugar en bares, pubs, restaurantes ou discotecas. É ben habitual que os protagonistas das obras pidan unha cervexa, un viño ou un gintónic, mais é interesante distinguir as relacións que se establecen ao facelo.

Adrián Estévez Iglesias

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s