Entrevista a Berta Dávila

Nesta ocasión reunímonos coa novelista e poeta Berta Dávila nun café dos moitos que habitan as empedradas rúas de Composela.

_Y8A1161m.jpg

Yasmina Casal, X. Carlos Carracedo, Berta Dávila, Belén Quinteiro.

P: Que é un libro que non se le?

R: Un libro que non se le, para min, é un libro que queda no caixón. Eu creo que escribo para que me lean, non só para que me lean, pero si que é unha razón fundamental. Un libro que non se le, non sei se sería exactamente un libro ou non.

P: Nun poema,  Leonard Cohen fala do seu amigo  Layton. Nunha nota a pé de páxina o traductor di citando a Leonard: “Aquí están os poemas do meu amigo e profesor Irving Layton. Coñecímonos en Montreal, cando aínda non había premios para a poesía. A min non me importou que fora tan bo, porque eramos de distintas xeracións. Por aquel entón eu traballaba nunha fábrica téxtil e ensineille a vestirse, el ensinoume a vivir eternamente.” Houbo alguén que fixera que te convertiras en escritora? Algunha persoa sen a cal agora non serías a mesma persoa en canto á literatura?

R: Eu creo que é complicado dicir unha soa persoa. Eu creo que hai moita xente que ten boa culpa niso. Primeiro tiveron a culpa moitos mestres da escola que tiven, e logo meus pais e a familia por ter unha biblioteca enorme na casa e deixarme vivir nun contexto no que sempre se falou de literatura e de libros. Nese sentido creo que todo o mundo que leu e que sentiu paixón pola lectura acaba desenvolvendo, nalgún momento, o interese por escribir as súas propias historias. E esa foi a historia, que é moi parecida a de calquera outro. Non ten nada de especial.

P: Cal considerarías que é a túa árbore xenealóxica literaria?

R: Pois non o podería dicir. Esta é unha pregunta que adoitan facer e eu sempre teño a sensación de que cando contesto a esta pregunta estou mentindo porque: primeiro son pouco  mitómana, agás cuns poucos escritores moi sinalados, e segundo, porque son moito máis de libros que de autores.

Ás veces hai libros, poemas, fragmentos de novelas, relatos ou cousas que non pertencen á literatura, porque sempre se entende que as referencias dun autor son literarias, sempre. As miñas referencias para escribir ou as miñas raíces relacionadas coas cousas que me interesan, ou co que fago, só unha parte está  ligada á literatura. Outra parte está en outros moitos sitios, ás veces totalmente illados. Por iso non podería darche nomes, porque probablemente mañá daría outros nomes distintos. É un resultado totalmente variante.

P: Paul Auster dixo nunha ocasión que escribir é coma una enfermidade, que o mundo real non é suficiente. Compartes a súa opinión?

R: Non, Paul Auster é unha das miñas filias. Creo que é un escritor que ten un oficio que non todo o mundo ten, calquera que escriba poderíao envexar , a pesar de que algunha das súas novelas, por exemplo a última, son textos que para min son un gran exercicio de oficio, pero que non me dixeron nada. Eu non comparto a idea de literatura coma enfermidade, ou  literatura como necesidade, ou literatura coma un pulso que se impón dende fóra. Eu creo que a literatura é unha elección, que todas as cousas que se enfrontan son dalgún xeito eleccións. Creo que o penso porque non creo, en liñas xerais, que exista ningunha cousa externa a min que se impoña dende arriba para gobernar a miña persoa. Por iso todo ese tipo de definicións sobre a literatura, sobre todo sobre a poesía, que para outra xente funcionan, para min non, en absoluto.

P: Que opinas dos escritores contemporáneos? Consideras que a poesía e a narrativa que se está a facer é de calidade? Tanto en Galiza coma no resto do mundo.

R: Considero que se está a facer moita poesía e moita literatura cunha calidade envexable e outra que non o é, pero como houbo en todos os tempos. Creo que é unha situación de normalidade. O anormal sería crer que todo o que facemos aquí, ou todo o que se fai fora, é dunha calidade estupenda e tragalo absolutamente todo, para min non é así. De todas formas considero que a literatura que se fai aquí non ten nada que envexar á que se fai noutras partes do mundo.

P: Consideras que hai gran literatura e pequena literatura ou boa e mala literatura?

R: Non considero que haxa gran literatura ou pequena literatura, pero si hai alta literatura para min e baixa literatura para min. Igual que pode haber textos que para ti sexan alta literatura e para outro non o sexan. Por exemplo, eu nunca renego de ser unha declarada fan dos libros Harry Potter de J.K. Rowling que lin durante anos con absoluta devoción, que logo volvín a ler e que me deron horas de lectura marabillosa. Entón eu creo que nesas páxinas hai alta literatura, pese a que se cadra non o pense así todo o mundo.

P: Un día falando sobre O derradeiro libro de Enma Olsen dixeches que a protagonista trataba de responder á pregunta de que contaría cando vai ser o último e xa non agarda resposta. Se ti estiveras nesa situación, que contarías? Que lle relatarías ao mundo?

R: Se eu estivese nun escenario coma o de Enma Olsen, no que sei que non me queda moito tempo, non creo que o empregase para contar ningunha cousa. Creo que empregaría o meu tempo en resignarme polo que xa contei e dedicarme a vivir doutra forma. De todos xeitos, eu tamén escollería a escrita, como Olsen, como maneira de salvarse, de ir a algún outro lugar que non sexa o estado no que te atopas. Tamén é certo que eu non teño tantos segredos e tantos misterios coma Enma para contar, por sorte. Supoño.

P: ¿De qué libro te sintes máis orgullosa?

R: Supoño que do que está por escribir. Os autores, ou polo menos eu e outros que coñezo, normalmente tenden a estar máis orgullosos do último que escribiron, porque é o que sinala ata onde chegaches. Cando menos eu síntoo así. Nese sentido creo que nos meus dous últimos libros puxen todo o que quería poñer. Outra cousa é que sexan bos ou malos, ou que se reciban dun xeito ou doutro, iso xa non é cousa miña. Pero si creo que son libros que si pagou a pena que estivesen na rúa, igual que hai outros libros que escribín que si considero que debían quedar no caixón. En calquera caso o mellor é, como dicía Cortázar, ese libro que queda por escribir, ese libro ideal, ese libro que é perfecto, precisamente porque aínda está por escribir.

P: Ti escribiches:“A escritora nunca volve a cabeza cando lle chaman así e, cando lle preguntan a que se dedica, fala de todo iso que estudou coa esperanza de se alimentar”.

R: Iso non sei en que contexto o dixen. Pode que fora no blogue, fai bastante tempo. Ese texto escribino cando tiña dous proxectos rematados. Un sabía que ía saír en breve, era un libro moi importante para min,  Raíz da Fenda, que é un poemario que me levou moito tempo e moitas pequenas miserias, e nese momento eu non me sentía en absoluto escritora, despois  seguín sen me sentir escritora. Hoxe cambiou esa perspectiva.

P: Agora xa te sentes escritora?

R: Non, agora síntome escritora cando escribo. Por exemplo, levo unha tempada na que me dedico fundamentalmente a escribir. É cando me volvo sentir escritora na mesma medida ca calquera que escriba. Logo, cando entrego un libro, cando  o remato, cando a xente o vai ler, aí deixo de sentir que é a miña parte, que, de certa maneira, remata o meu tempo como escritora, a pesar de que é cando a xente recibe o libro e máis podo falar del. Para min o tempo no que son escritora é o tempo no que estou en silencio e en soidade escribindo durante meses, ou ás veces máis tempo, sen que ninguén saiba o que fago. No momento no que eu pecho o libro, que é o momento no que os demais o abren, para min é o final da ruta.

P: Poderíasnos contar algunha novidade. É dicir: que estás a escribir nestes tempos?

R: Pois nunca falo do que estou escribindo porque moitas veces as ideas quedan nos caixóns, pero agora mesmo estou entusiasmada porque levo moito tempo buscando, dalgunha maneira, algo que quería escribir. Agora creo que é o momento no que está collendo forma algo que levaba moito tempo rondando a miña cabeza e é un texto sobre moitas cousas que me importan e que me afectan.  E non podo dicir máis porque igual mañá mudo e escribo un sainete.

P: Algunha teima?

R: Eu son moi neurótica. Teño un montón de teimas e á vez ningunha. Non teño teimas á hora de escribir, pero si teño moitas teimas de estilo, como medir o parágrafo, medir a transición ou atopar a palabra idónea. Non sei que podería dicir, por exemplo escribo en negro sempre, emprego sempre un bolígrafo negro, pero tampouco morro se emprego outra cor, non sei, é algo absurdo.

P: Un lugar?

R: Os lugares que non existen. Os que  podemos inventar e modelar como queiramos. Os lugares que existen son para a vida e non para a literatura.

P: Unha profesión?

R: Eu formeime para ser mestra de escola e creo que é un traballo creativo e una tarefa importante. Lembro que cando eu comecei  a carreira había moito medo porque non había oposición e había un paro incríbel, que segue habendo. Un profesor díxonos nun momento dado que había no mundo millóns de nenos sen escolarizar e que o problema non era que non fixeran falla mestres e convenceume de que era un traballo moi necesario. Por exemplo, a alfabetización de nenos cuxos país son analfabetos é un éxito tremendo que ás veces non se valora. Temos ese estándar de éxito escolar, que ten que ser completo e absoluto, e marcado por unha serie de fórmulas e para min a educación e a figura do mestre son outra cousa.

P: Uns debuxos animados?

R: Agora teño un fillo de sete meses, que ultimamente está estrañamente namorado das princesas de Disney, concretamente da Cincenta e as súas cancións e estou estupefacta con que lle guste tanto. Eu era moitísimo máis macarra, moito máis do Xabarín Club, de Doraemon e de outras cousas así. Espero que cando teña máis de sete meses deixe de lado a Disney e abrace outro tipo de intereses.

P: Unha película ou un/ha director/a de cine?

R: Pois no sei, debería dicirche un director así indie, profundo, que me deixara quedar moi ben, pero o certo é que vou ver as películas de Woody Allen tódolos anos aínda que sexan malas. Unha película moi fetiche para min é Annie Hall.

P: Un referente literario?

R: Creo que os referentes literarios son moitas veces referentes emocionais e non literarios. Un quere a un autor, como por exemplo eu quero a Cortázar, polo que significan para nós. A primeira vez que fun a París fun ao cemiterio a deixarlle flores a Cortázar. Era importante para min nese momento, porque tamén son un pouco intensa, aínda que non o pareza.

P: Por último poderías lernos algún dos teus poemas?

R: E non preferides un trozo de “Olsen”?

“Díxome unha vez o señor Montana que a caracterísca común a todas as grandes historias é que poderían ocorrer en calquera parte do mudo. Eu creo que a miña só pertence a Faith e que fóra de Faith ficaría coma unha pinga de lixivia no medio do océano. Talvez porque tampouco é unha grande historia. Pero é a miña a nosa, e aquí férenos coma se a pinga de lixivia caese no medio da pupila, coma se atravesase todo o importante de lado a lado. Porque Faith, que está no medio dun círculo xigante, no centro exacto de nada a cen millas de calquera lugar minimamente interesante, é todo o noso mundo e nada máis nos importa. E aínda que todos desexabamos vivir en Nova York cando eramos novos, ou en calquera outra cidade sempre que non fose Faith, o certo é que no medio de ningunha cousa é posible notar que hai algo que che pertence.”

*Fotografía David Redruello

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s