No mes de xullo do verán pasado, poucos días despois de cumprir os dezasete anos, fun ao pobo costeiro de Pavos. O meu irmán maior, Xosé, e a súa muller, María, convidáranme a pasar uns días con eles. Alugaran unha casiña para as súas vacacións. Ocupabamos a segunda planta (a primeira estaba deshabitada) dunha pequena casa con terraciña exterior que dominaba unha gran zona de verde, casas e tamén a mar.
Polas mañás, Xosé quedaba deitado ata moi tarde; María e eu madrugabamos, subiamos á terraza e respirabamos aquel vento fresco e salgado que o enchía todo. A néboa, presente cada mañá, daba á paisaxe un matiz de espera. O sol brillaba cada vez con máis forza. A mar, de lonxe, confundíase co ceo … Ata que, sen advertilo case, producíase o cambio: o día chegaba coma un balbordo de ceo, mar e verde refulxentes, vigorosos chíos de gaivotas, cheiro, cheiro a salgado.
Deste sosegado parto, os dous eramos testemuñas silenciosas e cegadas. Ela adoitaba dicir o fermoso que lle parecía aquilo, eu asentía; a continuación, baixabamos a preparar o almorzo, tranquilos e contentos.
Eu amaba a María segredamente… e gustábame pensar que ela, en certa forma, me correspondía. Mantiñamos así o noso doce amor e alimentabámolo durante as mañás na terraza, a través de miradas e xestos.
Xosé era un tipo despreocupado, alegre, vividor, cun aire sedutor na mirada e no ton da súa voz. María namorouse perdidamente del e así arrastraba o seu amor, pois sentía que o meu irmán nunca podería pertencerlle como ela quixera. María nunca me falaba de Xosé nestes termos, pero eu intuíao: con el nunca chegaba a ter un vínculo como o noso na terraza. En ocasións, sen decatarse, a trataba case coma a un obxecto calquera. Eu mirábao con furia, Xosé non se decataba, e ela calaba pero sufría.
Aínda que non todo era pena na casa, senón máis ben todo o contrario, pois gozabamos moito os tres xuntos. Ademais, estabamos de vacacións e eu tiña a esperanza de facer novas amizades.
Cando levaba dous días no pobo, saín de casa unha tarde coa idea de ir ao cinema. Achegueime a mirar a carteleira. Proxectaban Romeo e Julieta. Dúas mozas murmuraban ao meu carón. Dubidei… Fixen, por fin, ademán de ir entrar na sala cando unha delas, riseira, preguntoume:
- Pero, vas entrar aí con este día de sol?
Mirábanme as dúas con aire divertido.
- Pois … non estou moi seguro –respondín.
A mesma moza, co mesmo aire resolto e gracioso, díxome:
- Anda, ven connosco!
E o ton da súa voz non me permitiu buscar unha desculpa.
Fixo as presentacións. A súa amiga, Teresa, e ela, Loli, mozas da miña idade ou algo menos. Biquei aquelas fazulas suaves, morenas, resplandecentes, e dixen o meu nome: Román. A continuación baixamos cara á praia cheos de xúbilo.
Chegamos a un bar xunto á praia, o Truco. Alí coñecín a dous mozos máis, tamén da nosa idade, cuxos nomes eran Xaime e Luís. Sentámonos na terraza do local e rímonos con Xaime, que non deixaba de chancear. Ao cabo dun intre Loli díxome:
- Vouche presentar a alguén.
Entrou no Truco e regresou ao momento acompañada doutra moza. Esta deume dous bicos; eu quedárame teso no asento. Non podía facer outra cousa que mirala atordado. Despois de despedirse, a moza volveu ao interior do local e eu funme recuperando lentamente.
- Como dixeches que se chama? – preguntei a Loli.
- Xulia! -respondeu Teresa.
E sentinme avergoñado porque me pareceu que o seu ton era de reproche.
Teresa parecía unha rapaza de certo carácter; así, pois, sospeitei que non disimulaba a aversión que sentía por Xulia. Aínda que non era para menos; calquera rapariga da súa idade estaría celosa dela, da súa fermosura cegadora. Isto pensaba eu camiño de casa á noitiña. E apuraba o paso, coma se así puidese acelerar o transcorrer do tempo e atoparme máis pronto con Xulia de novo.
Á mañá seguinte baixei ata o pequeno porto de Pavos. Ao final do dique esperábanme, tal e como quedaramos, Loli e Teresa, sentadas no muro coas pernas colgando cara ao mar. Era un lugar tranquilo e agradable. O mar batía con sosegada persistencia nos enormes bloques de cemento; algún barco de recreo ía ou viña; ao lonxe, onde a mar e o ceo se confundían, saltaban faíscas azuladas e grises. De costas ao mundo, atopábame máis sereno e paroleiro.
Aquela mañá souben que a xente do día anterior se coñecía doutros veráns, tamén de onde procedía cada un e cales eran os seus estudos. Por fin falamos de Xulia, como eu desexaba. Era bastante maior que nós (vinte anos), veraneaba cos seus pais e… non tiña noivo! Loli, baixiña e rexa, informábame de todo iso con soltura, e sorría. Teresa miraba cara ao mar en silencio, mentres escoitaba atentamente a nosa conversación. Entón preguntei a Loli que se Xulia ía vir ao porto aquela mañá. Loli respondeume que non, que ao porto só viñan elas dúas. Tamén me preguntou se me gustaba Xulia. Eu non dixen nada; un tanto avergoñado mirei a Teresa, que me observaba moi seria, e os dous diriximos a vista cara ao mar. Loli ría.
Había en Pavos un club privado, un pub, seis ou sete bares e unha discoteca moi pequena. Reuníame con aqueles mozos e mozas no bar Truco todos os días; alí faciamos plans. Excepcionalmente, acudiamos á discoteca. O pub tiña fama de ser un lugar de encontro de xente de pouca confianza. Chamabámolo, medio de broma medio en serio, “pub do demo”, e non nos atreviamos a entrar nel.
Cando levaba no pobo unha semana pouco máis ou menos, houbo unha festa na discoteca e alí estabamos todos, incluída a miña familia e tamén Xulia, que case cada día pasaba un tempo connosco.
Bebera unhas cervexas: non sei ben como empezou todo. Eu bailaba con Xulia, moi lentamente, moi apertados os nosos corpos. Mirabámonos aos ollos e eu estaba tan seguro de min mesmo como poucas veces. De súpeto, as nosas bocas uníronse e estivemos así un bo intre.
Volviamos todos cara ao centro do pobo, Xulia e máis eu iamos detrás a certa distancia, collidos da man. Díxenlle:
- Ámote.
Ela respondeu con certa aspereza:
- Bo! Iso son cousas de nenos!
Foi ao insistir eu cando se soltou da miña man e uniuse ao grupo, que camiñaba ruidosamente. Metera a pata e, agora, a pena dominábame. O trémulo reflexo da lúa na auga do mar viña ser a imaxe perfecta da miña tristeza.
Á mañá seguinte reunímonos no porto. Loli estaba radiante, como de costume, e Teresa, como recollida en si mesma, miraba cara ao horizonte. A miña cabeza e o meu corazón non abandonaban a Xulia. Por que me tería falado desa maneira? A inspiración non me chegaba do mar, ás mozas non sabía como preguntarlles, o meu corazón, acelerado, angustiábase.
De costas ao mundo non había resposta, só me quedaba buscar entre a xente con experiencia. O meu irmán… Díxome que eu era un imbécil, que a unha moza non se lle di iso, aínda menos o primeiro día, despois de darse o lote con ela. Supoño que se me puxo a cara de morto, xa que a continuación aseveroume moi animoso: «Pero non te preocupes: aprenderás!» Saín de casa malhumorado, coa sensación de que o meu irmán era un imbécil, e eu tamén.
Pasaban os días e parecíame que Xulia me evitaba. Un día non puiden máis e leveina aparte no bar Truco.
- Estás enfadada comigo? -pregunteille moi serio.
- Non -respondeu secamente, mirando cara ao meu peito.
- Entón… sígoche gustando? -atrevinme a dicir.
- Claro que si -contestou. E semellaba sincera.
- Menos mal -suspirei, inocentemente. E engadín: Podo bicarte?
- Non, agora non -respondeu de maneira tallante.
- Pero por que?
- Non preguntes tanto, Román. Debes aprender a responderte ti mesmo -dixo, molesta. E dando media volta foise cara á mesa de billar americano, onde xogaban uns coñecidos.
Non sabía que pensar; aínda que polo menos as súas palabras dicíanme que non todo estaba perdido. Suspirei e, aliviado, sorrín.
Varias noites despois bailabamos todos na discoteca. Xulia falaba cun tipo descoñecido, eu bebera algunhas cervexas. Bailando xunto aos demais pensaba nas súas palabras, non achaba resposta ningunha, e enfurecíame máis e máis. «Que diaños!», díxenlle. Pedinlle a Quique as chaves do coche. Agarrei a Xulia da man e, sen dicirlle nada, tirei dela. Observei que me acompañaba de bo grado.
Estabamos tombados sobre os asentos traseiros do coche. Comezaba a palpar a calor baixa a súa roupa e, de súpeto… uns golpiños na ventá foron como lategazos no meu corpo. Recompuxemos velozmente a nosa roupa. O meu irmán mirábanos, divertido, case co nariz pegado ao cristal. María, un pouco máis retirada, estaba de costas a nós.
Cando baixei a ventá, Quique díxome:
- Temos que irnos.
- Como? -preguntei aparvado.
- Si, home -repuxo coma se nada -. María vaise mañá cedo.
Era certo o que dicía. Aínda que non suficiente como xustificación. A miña rabia era tal que me despedín de Xulia e funme coa querida familia.
Ninguén abría a boca no coche. Pero fíxeno eu dicindo:
- É que non podiades darme algo máis de tempo?
O meu irmán recalcou cada palabra ao responderme:
- Mañá, ela, madruga.
- E paréceche razón suficiente para estragarme un momento como este? – repliquei furioso.
- Cres que non…? -dixo. E engadiu – : Ademais, espérante máis noites así.
Quique falaba moi a miúdo coa seguridade de quen o ten todo baixo control, e, nese momento, como noutros, permitíase o atrevemento de incluír o meu futuro tamén. Con todo, contívenme, pois sabía que levaba as de perder. María, silenciosa, miraba cara á escuridade da noite a través do cristal do coche. Pero, cando chegamos a casa e atopou a ocasión, desculpouse. Bo, despois de todo, o día non estivera nada mal. Acochado, durmín docemente envolto polo recordo de Xulia.
María foise cedo para resolver uns asuntos relacionados co seu traballo. Eu estiven ata media mañá en casa e, logo, baixei á praia para ver se me atopaba coa miña amada.
Non atopei a ninguén do grupo, excepto a Teresa. Estaba a tomar o sol, eu tombeime ao seu lado. Teresa falaba moi pouco; e estábase moi ben xunto a ela, así, sen dicirnos case nada. Aínda que, ao cabo dun momento, comecei a impacientarme: o sol quentaba demasiado e sentía moitas ganas de reencontrarme con Xulia. Pensei que en casa estaría máis fresco e tranquilo. Así pois, deixei a Teresa e subín ata o confortable fogar de veraneo.
Subín as escaleiras e entrei na casa. De golpe, souben que algo estraño estaba a pasar alí. Roupa tirada polo chan, a porta da alcoba entreaberta. Retrocedín, atordado, cego. Subín á terraza. Non era un soño: vira a Xulia e ao meu irmán na cama! Presa da vertixe, sentín furia e desolación. Funme de alí, non lograba razoar, sacudíanme a dor, a rabia. Só murmuraba: «Como puideron facelo! Pero, como puideron!»
Desesperado, dirixinme ao “pub do demo”, que estaba en dirección á praia. Percorrín o xardinciño, no que abundaba a maleza, e cheguei ata a porta do local. Entrei sen dubidalo, non me importaba nada. Había tres persoas que nin me miraron. Pedín cervexa e bebín longos grolos. Como puideron! Agora comprendía certas cousas! O meu irmán interrompera o meu encontro amoroso a noite anterior, pero non pensando en María. Ese porco! Dándome sabios consellos, hipócritas consellos! Unha rabia desmedida facíame ferver cando pensaba en Quique. O meu propio sangue, caer tan baixo! Sentín máis pena e dor cando pensei claramente en María. Pobre María, muller entregada e pura! Pensei que non andara moi fino, que perdera a Xulia, en definitiva. Humedecéronseme os ollos, bebín cervexa con moitas ganas. Inclinado sobre o mostrador, o queixo apoiado no dorso das mans, amargura esvarábame por ollos, nariz e boca.
Bebín máis e máis. Sorrín: fuxe amargura. Atopábame máis sosegado porque estaba bébedo. Entón observei que o camareiro me miraba con aire sorprendido. «Tranquilo, home, non necesito o teu consolo», me dixen, e a broma deume forzas. Levanteime con precaución e mirei ao redor: nada había de especialmente maléfico naquel lugar. Talvez me roldase naqueles momentos a escura e vigorosa sensación de que todo, paso a paso, conduce á vinganza. Saín do local, gustoume notar que unha pérfida luz me facía compaña.
Os días seguintes foron para min días de relativa calma. Pero sabía que algo forte tiña que suceder. Evitaba todo o que podía ao meu irmán, cousa que ás veces resultaba moi complicada. Pola mañá cedo acompañaba a María na terraza. Un día biqueina na fazula. Díxome:
- Estás moi raro ultimamente, Román.
- Por que o dis? -respondín.
- Non sei. Noto que me miras doutra maneira.
- Cando algo morre, xorde algo novo -contesteille, moi enigmático.
- Que significa iso? -preguntou fixando os seus ollos en min.
- Non significa nada, María -contestei sen deixar de mirar cara á mar.
Baixaba ao porto cada mañá para estar con Loli e Teresa. Agora pensaba máis nelas, e facíame preguntas que non se me ocorreron antes. Por exemplo: Loli estaba sempre de bo humor: que obtiña ela a cambio de ser tan amable e divertida?, de onde sacaba as forzas para alimentar a súa alegría? E Teresa? Nunha ocasión, Loli díxome que Teresa lía poemas: ocultaba algunha inconfesable dor nalgún recuncho da súa alma, a misteriosa rapaza? Unha nova e poderosa fragrancia do mundo asombrábame.
A intres sentíame traizoado, aquilo doíame moito. Pero estaba seguro que tiña que facer algo, e pensar nisto dábame forzas. Para evitar a Xulia, non baixei nin á praia nin ao Truco, poñendo vagas desculpas. Non me importaba o que puidesen pensar os demais, despois de todo eu tiña a tixola polo mango.
A última noite da miña estancia no pobo, tocaba despedida. Eu íame ao día seguinte, e, na miña honra, facíase unha queimada na terraza do bar Truco. Estabamos todos sentados, con guitarra, cantos e risas A miña familia, Loli, Teresa, Xaime, Luís, Xulia, eu. A azulada chama do augardente ardendo debuxaba no aire estrañas figuras, suaves danzarinas que, misteriosamente, desaparecían para xurdir de inmediato con renovado aspecto. Puxémonos de xeonllos no chan, Xaime fixo o esconxuro, e todos pareciamos moi divertidos. Bebemos alegremente o doce licor.
Non tiña unha idea clara das miñas intencións, pero a carraxe non me deixaba. Así pois, nun momento dado, pedín a Xulia que me acompañase. Camiñabamos ao bordo do mar cara á parte máis escura da praia. Deixabamos que a auga mollase os nosos pés descalzos. Xulia recollía a súa longa saia, eu levaba pantalóns curtos. Iamos en silencio. A xolda dos nosos amigos parecía vir de moi lonxe, pois a mar atenuábaa co seu propio son.
Pensaba. No meu interior íase formando unha capa de dureza. Non había dúbidas xa. Estabamos o suficientemente afastados e solteillo.
- Como puideches? -pregunteille con frialdade.
Miroume vacilante. Volvín á carga, cun ton case ameazador.
- Pensaches en María? Pensaches en que o meu irmán é un enorme porco?
Xulia non soubo que dicir. Deu media volta e botouse a camiñar rápido cara á escaleira máis próxima. Rabioso, fun tras ela. Suxeiteina e caemos sobre a area. Encima dela, seguín gritándolle: «Es unha moza caprichosa. Só pensas en ti, verdade?». Xulia mirábame cunha expresión que era mestura de confusión e tristeza. Estabamos excitados. Guiado por algún impulso, inclineime e biqueina. Ela correspondeume. Continuamos un intre longo. A miña man atopou unhas coxas suaves, cálidas baixo a súa saia; a súa, desabrochou o meu pantalón e chegou ata min cunha caricia íntima. Baixei a súa braga e, ao pouco, entrei ata dentro.
Máis tarde, regresamos en silencio xunto ao grupo. Cantamos cancións populares. Ditoso despois de coñecer o sexo, nin ver a María lograba entristecerme. Aínda improvisei un baile, un baile ancestral, como eu acostumo chamalos.
De volta a casa, Teresa e eu iamos camiñando xuntos. Nun momento determinado preguntoume:
- Virás o próximo verán?
Respondín, distraído:
- Non o sei. Agora mesmo non o sei.
- Entón, talvez non volvamos vernos ? -dixo a rapariga.
- Quen sabe! – contestei eu, sen importarme nada naquel intre.
Mireina, descubrín bágoas nos seus ollos. Dixo: «abur», e saíu correndo. Sorprendeume ver a Teresa emocionada, unha moza tan distante. Sentín algo de vaidade, aínda que non pensei niso con detemento. Mentres non me colleu o sono todo era acougo.
Á outra mañá, Loli explicoume que eu lle gustaba a Teresa; que se namorou de min, pero que era demasiado orgullosa e tímida como para manifestalo abertamente. Aínda que os seus sentimentos traizoárana na despedida. Estaba sorprendido, concentrado en cada unha das palabras de Loli. Teresa deixárame un poema.
Pola tarde fun ao bar Truco para despedirme de Xulia. Bicámonos nas fazulas e díxome moi suavemente ao oído: «Soubeches responderche a ti mesmo, Román.» Eu non puiden dicir nada. Dei media volta, afasteime; tristeza regresara. Desexaba chorar, pero ao mesmo tempo sentía certo gozo.
Camiñei polo paseo marítimo e Quique cruzouse comigo. Díxome, ironicamente:
- Ai do amor que se vai!
- Cabrooón! -berreille con rabia, os ollos humedecidos.
Desapareceu de golpe a chamiña irónica da súa mirada. Sorrín tristemente e seguín o meu camiño sen dicir nada. El tamén iría despedirse? Nunca falamos daquel momento, pero desde entón sinto que me trata doutra maneira, coma se me tivese máis en conta.
Moitas veces pensei durante este ano en toda esa xente da que non volvín a saber nada. En Xulia e, principalmente, en Teresa. Debería chamala? Recordo perfectamente a sensación que tiven cando lin o poema aquel cálido mediodía, observando, máis aló dos veraneantes, a mar que chispeaba de sol. Escollera un poema de Rafael Alberti.
«El mar. ¡Sólo la mar!
¿Por qué me trajiste, padre,
a la ciudad?
¿Por qué me desenterraste
del mar?
En sueños, la marejada
me tira del corazón.
Se lo quisiera llevar.
Padre, ¿por qué me trajiste
acá?»
Imaxe: Yasmina Casal