Se queres, bailamos

Pode ser que aínda busque alguén en quen mirarme, alguén que me espante as bolboretas do estómago e encha o oco que deixen, e non volver ter medo de verme nos espellos nunca máis. Exploremos a perfección do caos. Do non ter todo ordenado e no seu sitio. Do estar un pouquiño desequilibrados. Eu non quero ser a metade dun todo se iso significa que nunca me vou sentir completa.

Non é fácil elixir un novo camiño, porque aínda que o de sempre o percorras a cegas, o outro dá medo. Non é que nos poida a pereza e por iso non fagamos as cousas. O que nos pode, o que nos paraliza, é o medo. E hai veces que te decides a saltar sen paracaídas, sabendo que o golpe contra o chan te vai deixar tocada, pero iso non che pode impedir que goces da sensación de voar.

Porque hai que pensar que a vida está para desfrutala, para aproveitar ao máximo os bos momentos, porque xa se encarga ela de poñernos diante os malos. E no momento en que pensas iso seriamente, a seguinte pregunta será: “e por que non?”.

Por que me vai impedir o medo a pasalo mal vivir este momento marabilloso que estou vivindo? Por que debería saír mal tamén esta vez? Por que, porque me fixeran dano no pasado, non vou confiar en que as cousas vaian mellor agora? Por que non me vou merecer ser feliz?

Hai uns días descubrín que espertar abrazada a alguén sen buscalo pode ser unha auténtica delicia. Saber que o teu corpo e a túa mente se poden amoldar a alguén novo, aínda sen sentir algo tan forte como amor por esa persoa, e sobre todo, sen provocar o feito de que encaixedes coma pezas dun quebracabezas, resulta tranquilizador. Non é que teñamos que andar polo mundo adiante buscando as medidas perfectas para facer a culleriña. Pero eu podería vivir tranquila sabendo que se deixo a porta aberta el se vai meter na miña cama para crear entre os dous ese recendo que só nos sae a nós.

Non necesito a ninguén que me quente as sabas. Pero podes quedar só porque che apeteza acompañarme.

Sara Sueiro

Fotografía aquí

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s