Acudimos á feira do libro de Compostela para entrevistar a Xosé Duncan, que ven de publicar Negruña.
Pregunta: Quen é Xosé Ramón Suárez Ordóñez de Marichalar Gago-Feijoó e Castro-Lemos?
Resposta: O de Suárez Ordóñez é una broma que teñen comigo, porque son os meus verdadeiros apelidos. A verdade, paréceme un golpe baixo empezar as entrevistas como as empezo eu… Eu considérome un autoimigrante porque era un rapaz de aldea e con catro anos tiven que mudarme á xungla da cidade. O que me pasou a min, e seguro que a moitos outros, é que cando vas a un sitio non te sentes parte del, pero cando voltas ao teu tampouco es parte del. Para min un dos meus maiores fracasos foi cando fun co meu primeiro libro de Bran a presentalo na miña aldea e non tivo retorno, tiven que atopalo en Rianxo. Eu cando pasaba os veráns na aldea era José Ramón o da Coruña, daquela non falaba en galego. Todos falabamos en castelán. Todo isto creo que está reflexado en Negruña, hai distopía, pero sobre todo hai crítica á sociedade do oitenta e pico, da diferenza de clases e da xente que chegábamos da aldea.
P: Como comezaches a escribir, que papel tivo Contos Estraños ese proceso de creación e que é a xeración estraña?
R: Para min contos estraños foi a porta de entrada. Se non tes una porta que cruzar ou alguén que che deixe cruzar a porta é moi difícil. Contos Estraños foi para min a diferenza de pasar de ter un relato que collía ferruxe no disco duro do meu ordenador a sacalo a papel. Se non fose por eles eu non escribiría, nin en galego, nin en castelán, nin en Euskera.
En canto á xeración estraña, comentaba Tomás antes, que eles son a única editorial que fan fantasía en galego. O resto de editoriais fan fantasía en galego, pero sustentadas e supeditadas a certames que fan elas mesmas. É dicir, mola mogollón montar un certamen x de fantasía xuvenil e o que gañe ou ós finalistas publícolles o libro… Nin Urco nin Contos Estraños se sustenta así, eles arriscan. Para min ten moito mérito cando din “Fulanito de tal” nunca escribiu nada, entrou en Contos Estraños con un relato curto e a partir de aí empezou a progresar.
P: Hai máis escritores ca lectores en galego?
R: Si, díxeno algunha vez, e estou absolutamente convencido. Eu téñoo na miña propia casa, cada libro que escribo regálollo a meu pai e a miña nai e non leron nin un deles. Algunha editorial tamén comentou que se publicaba excesivamente. Tamén é certo que aínda que eu diga que creo que hai máis escritores ca lectores non considero que haxa demasiados escritores. Para min nunca hai escritores suficientes en galego. Non é suficiente xa que cando buscas cultura tes un bombardeo do 95% en castelán. No cinema case todo é en castelán, na televisión igual… Eu non considero como cando os de Galicia bilingüe e toda esta xente dicían “Dios mio, mis hijos van a estar infectados por el gallego”; pero cómo van estar infectados polo galego cando só ten una presenza do 5% na vida do teu fillo! . Hai moita xente publicando en galego, afortunadamente, o problema e que hai que atopar máis xente que lea neste idioma. Penso que agora temos un déficit moi grande nese aspecto.
P: Que papel ten Urco dentro disto do que falas?
R: Urco eu creo que é a meta, o punto a alcanzar. Contos Estraños é artifice de quen queira publicar en galego teña unha oportunidade, sen entrar en certames maquiavélicos, ou non maquiavélicos, ou máis ou menos mitificados ou politizados. Contos estraños é unha porta aberta a todo, cada tres meses sae unha convocatoria, ti envías e se acada unha calidade mínima e entra dentro dunhas directrices editoriais x, tes unha posibilidade. Cada tres meses publícanse unhos 10, 11 relatos. Cada tres meses ese número de persoas poden chegar a publicar en papel. Remarco o de papel porque hoxe en día estamos moi acostumados ao tema dixital, o tema de autopublicar… A min sempre me puxo moito o tema de publicar en papel. Eu nunca subin a amazon nada, nin autoeditei, aínda que, obviamente, sempre tes esa posibilidade
P: Como xurdiu Lermos?
R: Eu estou farto de institucionalización e elitismo. Para min Lermos é a revista que eu querería consultar de vez en vez. Unha revista de ti a ti. Non serei o mellor galego falante do mundo. Non serei o mellor escritor, pero esta xente fala no meu idioma e ao meu nivel. De feito a miña idea de Lermos e o meu concepto ía máis alá: eu nin sequera son galego falante, atráeme a lectura en galego e quero meterme nese mundo. Pero para iso fálame dunha maneira accesible, non empeces con tecnicismos. Por exemplo, xente coma min, que os seus pais eran galego falantes e ti volvícheste castelán falante, pasan vinte anos por ti, queres ler en galego pero atópaste todo demasiado politizado, demasiado institucionalizado; entón pregúntaste: ao meu nivel que hai?
P: Sénteste máis orgulloso de Negruña que do resto de libros?
R: Eu penso que isto de escribir acaba sendo como ter un fillo. A Bran téñolle moito máis cariño ca Negruña, pero de Negruña estou moito máis orgulloso. Negruña foron oito meses de traballo moi duro. Negruña tiña flashbacks á Rusia de Rasputín, á India da compañía británica… Tiven que documentarme moitísimo. Quería conseguir a mestura perfecta entre a fantasía e o feito histórico.
P: Cres que o xénero fantástico está infravalorado?
R: Totalmente. No xénero fantástico un 85% está enfocado ás crianzas, a rapaces e rapazas de 10 anos para abaixo, e tan pronto traspasas ese umbral de comprensión lectora onde te atopas? Onde estás ti como escritor situado? E onde estás ti como lector situado? A min dáme igual porque eu asumo o risco, pero non por escribir fantasía se baixa a complexidade. Eu sempre o comentei. Vin a luz cando en segundo de BUP deixei relixión e collín ética; aí foi cando lin Rebelión na Granxa, O señor de las Moscas, A laranxa mecánica… Poñíanche libros de fantasía e distópicos para facerche pensar. Hoxe en día parece que imos ao revés, teslle que dar un libro de fantasía a un rapaz porque é próximo a el, considérano como un libro de transición. Chámalle bo libro ou mal libro ao meu, pero non o consideres como un libro de transición, porque non ten porque ser así. De feito, comentábao hoxe pola tarde nunha caseta cunha muller. Dicía que tiña moitísimos libros que lera con 15 anos e que volveu a reler con 25 e parecían libros absolutamente distintos, non porque o libro fora malo, senón porque estaba en situacións distintas. Esa evolución é a marabilla que ten a fantasía. Ti colles un ensaio ou un libro de realismo e é o que é. É realidade. Non lle vas sacar máis xugo nin menos. A fantasía garda ese dobre xogo de aportarche máis mentres ti vas evolucionando.
P: Fantasía ou terror?
R: Fantasía terrorífica
P: A caída da casa Usher ou a caída da casa Thule?
Resposta: A caída da casa Thule é unha especie de homenaxe á caída da Casa Usher. É o segundo episodio do libro, que fai unha especie de Flashback dentro da trama principal de Negruña. De feito non sei se realmente existe a casa Thule, busquei por internet e era unha especie de casa de congregación dos nazis ao lado dun río, concretamente creo que é unha especie de río que utilizaban para facer o descenso de madeira con Alaska e Canadá.
P: Se tiveses que facer a túa árbore xenealóxica literaria quen serían teu pai e túa nai?
R: Eu penso que a miña nai sería Mary Shelley por todo o que adoro Frankestein, aínda que tamén tería que dicir a Emily Brontë. Como pai é máis complicado, adoro a Poe, pero Stevenson para min é deus.
P: Unha película?
R: Dark City de Alex Proyas
P: Un libro?
R: Calquera de Murdock.
P: E por último, xa que sabemos que che gusta tanto a morte, unha morte.
R: (Risas) En realidade non me gusta. Téñolle verdadeiro pánico á morte porque son ateo, agnóstico ou como lle queiras chamar. Estou absolutamente convencido de que despois de morrer non hai nada. Dicían os gregos que se a morte é nada, para que lle vas temer se cando morras non vas sentir nin padecer. A min iso dáme igual, eu máis que o medo á morte teño medo a desaparecer. A min non me vale a rencarnación. De todos xeitos, aínda así, para min a morte por afogamento non é mala. Eu estiven a punto de morrer afogado no lago de Sanabria e foi marabilloso. Un gordo horrible de Ferrol estaba celado comigo porque eu lle facía as beiras á rapaza que distribuía as chocolatinas no almorzo. O rapaz gardouma e nunha excursión en que eu estaba chapoteando no lago de Sanabria o rapaz tiróuseme dende o alto dunha pedra enriba. Eu quedei atontado e comecei a afundirme; foi marabilloso. Perdes a conciencia, luces, reflexos, o teu corpo fundíase coa auga… A miña morte perfecta sería esta. Aínda que é complicado que se repita, tería que voltar atopar ao rapaz ese e estar chapoteando no lago.