Un peugeot 206 pode ser o automóbil de calquera persoa, mais para min os 206 recorren a unha lembranza pasada que asoballa o meu maxín. Trasládame, porque a memoria ten esas cousas, e teño de novo quince anos. Recupero esa vergonza que me daba falar coas mulleres, os grans do acne e tamén o soño de dedicarme profesionalmente ao baloncesto, de chegar á NBA. Un delirio, truncado pola falta de talento e esforzo, que se esvaeceu ao tempo que outras ilusións ocuparon a miña cabeza. Todos vivimos os cambios de gustos e pareceres que trae consigo a adolescencia.
Vexo ese vehículo moitas veces, mais non sempre leva de condutor ao meu antigo adestrador. Si o levaba aquel día, ao carón dun restaurante de comida rápida. Emocionoume ver que a pesares dos anos, conservaba o mesmo aspecto e vitalidade. Emocionoume ver o coche dun home que me agasallou con ilusións sen as cales un neno non sabe medrar. Naqueles anos, cada tripla e cada vitoria eran un chanzo que ascendía cara un cometido que nunca cumpriría. E recoñézoo, os que mo advertiron non foron escoitados. Que mundo este…
Co baloncesto aprendín que é fermoso deitarse a ver as estrelas aínda que nunca as vaias tocar, porque moitas persoas agochan nunha despensa emocional esas ilusións que lles motivaron a emprender un camiño que non continuaron, pero, a fin de contas, o percorrido ensinoulles a ser quen son. Tódolos nenos pintan o mundo coa gama de cores que proporciona o arco da vella. Por que os maiores deixan que a pintura fique gris?
As lembranzas impresionan porque se manifestan sen avisar. Cando cheguei ao 206 non esperaba atoparme ao adestrador. Agardaba, simplemente, saborear unhas emocións que o tempo substituíra, mais el estaba alí cunha muller. Descubrín que o seu camiño o levara á avogacía. Supuxen que era ese o seu fío de Ariadna.
- Axudo á xente –confesoume.
Non deu para moito máis a parola porque as nosas axendas dicíannos que tiñamos que facer outra cousa. Eu estudar unhas oposicións e el, supoño, encher de soños as cárceres. Como fixera comigo.
Cando o horizonte xogou ás agachadas co peugeot, eu soñaba, de novo, con ser xogador profesional de baloncesto e procuraba introducir pelotas de papel nos recipientes que albergan o lixo da cidade. Fallábaas todas, mais a culpa era do vento.