Entrevista a Carmucha, Presidenta da Fundación Paco Lareo

Quedamos con Carmen Lareo, Carmucha, á tarde na Solaina, no lugar onde se conxugan as inquietudes artísticas de gran parte do Deza. Fai calor, mais o artístico ambiente invítanos a inspirarnos, a trascender, a introducirnos en diferentes universos imaxinativos. A obra de Paco ilustra un xeito de entender a arte, a arte no rural; no local, e por iso no universal. Refrescámonos con auga de Piloño e comezamos a parola…

se´ñora

P: Que importancia ten a Fundación Paco Lareo no rural?

R: Moita. Pensade que no rural a xente non ten moitos lugares nos que facer visitas culturais, onde expresarse culturalmente. Esta fundación é unha dinamización que Paco quixo facer no rural, porque el sempre pensou –e eu comparto a súa idea– que o rural tamén é merecedor de ter cultura, lugares onde espallarse. A Solaina está aberta para todas as persoas, non só para os actos que nós facemos. Aínda o outro día me preguntaron se se podía facer aquí a presentación dun libro dun autor de Bos Aires e claro que si. Menos para actos políticos, A Solaina está aberta para todo. E imparte cultura e cursiños de verán de pintura; nalgún tempo teatro, música, cursiños de ferreirería tradicional… É un conxunto de cousas A Solaina, e ao mesmo tempo penso que é un orgullo para calquera aldea ter unha Fundación con arte, literatura, con pintura e como lugar de espallamento. Este concello debería estar moi orgulloso pois ten dúas, a Fundación Neira Vilas e a Fundación Paco Lareo.

P: En que se centra máis, en achegar o arte aos máis cativos ou aos adultos?

R: A todos. Por exemplo: o cursiño de pintura estao a facer xente de todas as idades. De oito a oitenta.

P: Como xorde a idea da Xuntanza das Artes e da Forxa Literaria?

R: Foi unha idea de Paco. A Xuntanza Internacional das Artes foi a número 13 a do pasado ano. Iso tendo só en conta os anos que levamos numerados, non obstante empezou anos antes. A primeira Forxa Literaria foi no ano 1993.

Xurdiu porque Paco era unha persoa polifacética, que se ben era un pintor e escultor consumado, tamén lle gustaba moito a poesía, de feito, deixou escritos. Non quería encerrarse só nas artes plásticas e abrirse tamén á literatura e que coñecésemos aos nosos persoeiros, a nosa literatura.

P: Como inflúen estas Forxas Literarias no entorno?

R: Inflúen de maneira moi positiva. Non é nada novo que vos diga que estamos quedando sen poboación, non obstante a xente ven e colabora con nós e están moi orgullosos da Solaina.

P:  Se non houbera arte o entorno rural perdería aínda máis habitantes? Tería unha vida máis pobre?

R: Unha vida máis pobre si, dende logo.

P: Con que outras Asociacións ou Fundacións vos relacionades?

R: Mantemos relación coa Fundación Neira Vilas, por lóxica. Coa Asociación de Mulleres Rurais tamén colaboramos, de feito este ano entregámoslle a medalla. E con moitas máis e facemos intercambios culturais con outros países coma Reino Unido, Alemania…

P: Como son os Encontros?

R: A idea xurdiu de Paco, coma todo, é o fundador. É algo marabilloso, é fantástico ver como chegan varios artistas que non se coñecen de nada e fan unha convivencia espectacular. Traballan e dormen aquí e tamén facemos visitas pola contorna, pero do máis fermoso é cando se xuntas polas noites co seu viñiño ou a súa cervexiña e comparten e pásano de marabilla. E traballan. É algo que é moi bonito e que a min me enche e me emociona. É fantástico ver como todos se integran e colaboran uns cos outros. É unha marabilla.

P: Que procedencia teñen os e as artistas?

R: Por aquí pasaron artistas de Alemania, Estados Unidos, Reino Unido, Arxentina, Rusia, Cuba, China, Venezuela, Chile, Perú e Macedonia entre outros. E logo de case todo España e por suposto de Galicia, da nosa terra. É marabilloso.

P:  Esas convivencias teñen que enriquecer moito á contorna. É como abrir outro mundo.

R: Pois si, é como abrir outro mundo. Por exemplo, participaron persoas de Australia, non me acordei antes de dicilo, seguro que me quedaron moitos sitios, este acordoume agora pola anécdota que vou contar. Viñeran un home e unha muller e o home saía a correr descalzo. Entón un día chegou aquí unha persoa da vila e díxome “ai Carmucha, temos que regalarlle algo a ese home para que compre uns zapatiños, porque ándache descalzo”. Si, trae moita riqueza cultural e ao mesmo tempo trae cartos.

P: Como fai unha fundación coma esta para financiarse?

R: Esta fundación ten uns colaboradores, aos que lle chamamos forxadores, e que pagan unha cota anual. É unha cota voluntaria, cada un aporta o que quere e pode. Logo o concello de Vila de Cruces danos agora 1700 euros anuais. Con iso imos enfrontando os gastos. Logo colabora connosco a Xunta, por exemplo para a impresión dos catálogos e esas cousas.

P: Ousexa, é imprescindible a axuda das institucións.

R: Totalmente, se non é imposible.

P: Por que este lugar se chama “A Solaina”?

R:Porque onde está o primeiro museíño, O Museíño que lle chamamos, bautizouno así Paco, era a solaina da casa. As casas antes, normalmente, tiñan un hórreo e algunhas tamén a solaina.  Era unha zona aberta e balaustrada onde se secaban a palla, o millo e todas esas cousas da agricultura que facían falla para o día a día.

P: Que importancia tivo este lugar para Paco?

R: Foi a súa vida. Isto para Paco era a súa moza, a súa filla, o seu todo. Realmente a súa única preocupación era que pasaría con todo isto cando el faltara. Para Paco isto foi ata, eu penso, unha obsesión extralimitada. Era o seu todo.

P: Paco era moi polifacético. Gustaríame saber se o seu amor pola arte naceu por algún feito en concreto, se se foi construíndo ou se sempre estivo aí.

R: Paco xa dende pequeniño se interesou. Logo estudou deseño e sempre se interesou polas artes. Foise a Madrid e traballou na televisión, na obra de Don Juan Tenorio. Logo foi a Venezuela e seguiu coas artes. Sempre foi algo que el levaba dentro. Era algo innato. Ás veces chegaba, sentaba aquí, collía o cabalete e en menos de nada tiña un cadro feito.

P: Era difícil, naquela época, dicir que a túa vocación era ser artista?

R: Para Paco non foi dificíl, porque sempre foi Paco. Se tiña que poñer un turbante poñíao e se tiña que ir co pantalón rachado ía. Non foi difícil para el.

P: Parece ser que era moi fácil que se inspirara. Tiña algún xeito ou algo ao que recorrer para atopar a inspiración?

R: Era curioso, moitas veces estabas falando con el, pero el non estaba contigo, a súa mente estaba noutro lado. E o que che comentaba antes: chegaba, sentaba aquí e plasmaba a idea que traía na cabeza. Por exemplo, así lle pasou co deseño do Galo de Curral. Ía un día detrás dun camión destes que portan animais vivos e de súpeto quedouse mirando e díxome “nena, xa vexo”. E así foi, e é un galo, pero é tamén unha garabata. Tiña moita creatividade, moita.

P: Parecía continuamente inspirado.

R: Si, si, e para escribir tamén. Atopei, non buscara, pero agora si teño os escritos.

P: Non se coñece moito esa faceta del.

R: Non.

P: Ten pensado publicarse algún libro?

R: Gustaríame, gustaríame facer unha recompilación de todo e vouno intentar.

P: Era disciplinado no traballo?

R: Si, el no traballo era disciplinado. É dicir, era organizado, a pesar de ser artista era bastante organizado. Dentro da súa desorde el sabía onde estaba todo e si era disciplinado.

P: Unha das cousas que se di del, é que era un home moi temperamental.

R: Si, é certo. Eu podería catalogar a obra de Paco nos seus estados de ánimo. Realmente si, e eu creo que a de todos os artistas.

P: Paco deixou unha fonda pegada en artistas coma Fondevila. Pódese dicir que iniciou unha nova xeración de artistas?

R: Si, si. Paco axudou a moitos a que seguiran, animounos, impulsounos.

P: Algunha anécdota…

R: El  quería sempre axudar, colaborar, que en Piloño houbese sempre unha continuidade de artistas. Que ao mellor facía algo egoistamente pensando na súa Solaina? Probablemente, non o sei. Pero el enfadábase moito cando a xente dicía “en Piloño non se fai nada, marchamos para a cidade” e el dicíalle “marchade todos oh, marchade todos que eu hei quedar aquí para sempre”. Paco amou moito Piloño, moito.

P: Que legado nos deixa?

R: A súa obra e a Solaina, que agora pertence a todo o concello.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s